Skip to main content

O exterminio do lobo galego

Posted in

lobos abatidos29-04-2012 - Artículo de FELIPE SENÉN, MUSEÓLOGO E TÉCNICO DE XESTIÓN CULTURAL, publicado hoy en "La Opinión de Coruña" -  Pese a tanta Historia detrás, aínda custa buscar a harmonía co medio, coa tradición, entre nós mesmos. Custa defender a vida, comezando pola do ser humano. Matamos por comer, por cartos, por poder e tamén se mata por matar. Enguedellámonos en guerras, enleamos as relacións, a política e con elas o contexto de augas, ceo e terra sobre os que aínda camiñan ou arrástranse, voan ou nadan animais irracionais. Íos racionais ímola tendo difícil sobre o incendiado planeta terra. Marcamos territorio, buscamos o pan noso e o circo de cada día.

O bosque atlántico, os animais autóctonos, o patrimonio cultural, os medios, a industria, as "caixas galegas" e mesmo as ideas e a retranca, o idioma que nace arredor de todo isto tritúranse hoxe no rodicio global e no conseguinte andazo da crise. Moito se divide, esfaragúllase e sucumbe. Mesmo os colectivos que se din defensores desto ou daquilo rematan no ensimesmamento, toupeñando contra o couto das mesmas pedras e dos mesmos valados.

E nesta selva posmoderna, como un aturuxo de SOS, ouvea e remarca a súa imaxe o lobo. Temido señor que foi dos nosos bosques animados, con historia que se perde no rural dos que tivemos casa e aldea. Aliado do plenilunio e dos misterios da noite. Atravesado no camiño, cegado pola luz dos automóviles ou devorando unha ovella, furado a balazos polos cazadores, transportado nun furgón, teso, atado polas patas con arames, logo colgado sobre un pau, senón atrapado e torturado polos dentes dun cepo de ferro medieval, sangrante e aínda ensinado os dentes. Nenos arredor, calados respectuosos, ante os misterios do bosque... burla dos maiores, armados, encartuchados en chumbo, realizándose fronte ó trauma dos seus medos...a natureza abatida.Velaquí ó lobo, aínda miles de anos despois, eterno perdedor na realidade e nos contos infantís.

O lobo, de ben afiados sentidos, segue a ensinar as orellas. É o vivo retrato da Galiza de hoxe: aínda descoñecido, por iso sempre sorprendente e máxico, envolto en mitos e lendas pasadas, perseguido, resistente, incansable no seu territorio, que marca con todos os sentidos, ouveando, asexando, negándose a ser can domesticado e servizal do seu amo, ó ritmo de cada estación, senlleiro ou tras unha femia, en familia de lobetos ou en manada. Animal que comparte monte, se acaso co teixugo, ó que lle arrebata e devora ás súas atoutiñantes crías, do coello e das ratas coas que se alimenta, xunto con algunhas raiceiras... Acusado de males rurais causados polo abandono, perseguido con teimosía polos tumbalobos.... Si acaso morto de soidades nas gaiolas dun zoolóxico.

Non debera de estrañar o comportamento do animal acosado, sendo tan hibridamente romanizados como somos, con antecedentes míticos no Rómulo e Remo, amamantados pola loba capitolina. Cousas que tampouco son unha novidade para quen vive no monte. Contáronnos e lemos historias de nenos coidados por feras, vimos no cine O pequeno salvaxe de Francoise Truffaut. Tema que, cando se cavilaba máis, deu para filosofar sobre o home "bo por natureza". E máis achegado a nós, o caso do neno Marcos Rodríguez Pantoja, con tan triste historia tras si: encomendado ós carboeiros da Serra Morena polo seu pai viúvo, montes nos que se perde, para ser acollido entre os lobos. Atopado pola Guardia Civil no 1965 e, contra si, devolto a un ritmo de vida, entre enganos e timos ó que non se afai, no que soamente se lle da valor ós cartos que descoñece. Para hoxe, entrar na senectude, na compaña dunha familia galega na aldea ourensán de Rante, en San Cibrao das Viñas. A realidade supera á fabula e inspira a película Entrelobos de Xerardo Olivares

Nosos contos infantís foron de lobos, de mozos tamén vivimos a denuncia da Noite de Lobos, aplicada a políticas máis de vampiros que de lobos e que teatralizaba o lembrado Agrelo Ermo. Escríbese sobre o home-lobo, Manuel Blanco Romasanta de Esgos, dos nenos ferinos como Rodriguez Pantoja, fanse congresos sobre o lobo... .e extermínase cruelmente ó lobo. Farase de xeito ilegal, con trampas feitas por lazos de aceiro no que sucumbe e morre estrangulado, retorcido, ou senón envelenado... E mesmo de xeito legal tamén se aplica a crueldade, acolléndose ás leis para organizar batidas e botarse ó monte en tempo de reprodución. Actuacións que xustifican "para matar lobos híbridos, cans asilvestrados", que dificilmente distingue o especialista como menos o cazador predisposto a descargar rapidamente unha restra de munición contra canto se move.

País o noso de tradicionais foxos do lobo, na actualidade recuperados para incorporalos ó catálogo etnográfico, onde detrás de cada casa rural sempre había algo de salvaxe prehistoria, un cazador. Antropoloxía que se lembra nun roteiro turístico en Samardá, preto da fermosa cidade trasmontana de Vila Real. Alí onde ó romántico escritor luso Camilo Castelo Branco lle acontece a historia daquel patriarcal lobo que abateu a tiros cando devoraba unha ovella: cinco tiros, que deron de cheo, un tras outro... pero o animal non deitou a morte até que cumpriu e rematou o seu derradeiro manxar....

O lobo sempre en relación co bosque, coa noite e co mesmo diaño, como fillo do demo. Perseguido con todas as argucias e crueis trampas, cebos e armas. Alá polo século XII xa o arcebispo compostelán Xelmírez e outros concederon privilexios a parroquias e ordenaron perseguir ós lobos todos os sábados, a non ser os de Pascua e de Pentecostés. En todo tempo e como divertimento organizáronse monterías e os seus cazadores mostraban orgullosos as súa presas como botín e trofeo de guerra, do poder do home sobre a natureza. Pra rematar o corpo do animal na mesa dun taxidermista, finalmente desecado e cuberto de po, entre as conversas e partidas de tute, sobre o mostrador dunha taberna.

Cabalos e lobos, ancestrais símbolos, en convivencia dende antes de prehistoria. Agora no brete, enfrontados por algúns cazadores e gandeiros. Xa tampouco quedan pegureiros de acubillo, manta, transistor e aguillada, armados de paciencia. Agora déixanse ceibes os rabaños de ovellas e as greas de bestas campan polos eidos e tamén polas estradas. Cabalos ós que non se lle abriu mercado e que venden a prezos ínfimos, a redor do 30 euros e o máis caro a 50. Bestas bravas devalorizadas, como o país. O aproveitamento das crinas, da pel, o consumo de carne de cabalo desapareceron desta nosa tradición de cordaneiros, pelexeiros, curtideiros, carniceiros... como tamén desapareceron os afumados, que outras partes de Europa comercializan, sobrevaloran e exportan, como a cecina, as tiras de carne de cabalo curada, salgada que caracterizan á cociña romana.

E agora, neste tempo primaveral de reprodución, cando a loba lle ensina á súa camada de atoutiñantes lobetos os perigos do bosque, a loitar por unha femia e a construír o seu cubil. É cando tamén os cazadores organizados saen armados ó monte pra vingar os seus fracasos sobre o mito e natureza.

Os lobos ibéricos, delicia do defunto Felix García de La Fuente é xa o animal máis ameazado de extinción. E velaí as pequenas e sobrevivintes manadas da serra da Barbanza na Coruña, en Valdeorras en Ourense... e as noticias das terras do Carballiño que contan que cans esfolan e devoran vivas a ovellas... Pagándoas os lobos, acusados de acometer ós rebaños, ás bestas bravas, das que soamente os seus propietarios se preocupan cando é pra recollelas pra venda ou no tempo da rapa e da marca. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e da Dirección e Servizo de Conservación da Natureza, semella ignorar a historia e as trampas ilegais que inzan os montes, autoriza batidas, agardos, trampeos e cumpre o ritual de poñer algúns colares GPS para o control. Todo adubado na retórica de "protexer a pureza da especie desta xoia da fauna europea". Pero no tempo impropio dos tiros non se paran a distinguir o pedigrí, a idade, o sexo, a casta, rango do lobo ou can asilvestrado... de si leva, ou non, marca nas orellas ou colar GPS... Ante a rapidez da decisión pra darlle ó gatillo e a axilidade do animal, non hai tempo para discernir.

Si o que se tenta é perpetuar a pureza, abondaría con esterilizar ás capturas asilvestradas, control co que deben cooperar os gandeiros. Pola contra manda a lei do máis forte, os tiros indiscriminados, os animais ouvean, desmándanse as crías, foxe a loba coas carnes furadas, morre desangrada, outros caen fulminantemente. Grupos ecoloxistas, asociacións culturais, sensibles co medioambiente, métense nunha realidade cruel da que transcende unha parte, quizais a fotografía dalgunha besta esnaquizada polo mesmo lobo ou a do depredador abatido e pisoteado polo home máis depredador. Pídese racionalidade, equilibrio natural, sabendo que os lobos teñen todas as de perder no seu coutado territorio, entre valados, pistas, estradas, urbanizacións e burocracias. A cacería do demonizado lobo sempre resulta máis mediática.

Neste tempo de escopetas nacionais, á vista está que segue a mandar a lei da selva, a do máis forte, a do que máis sofisticadamente trampea, a de quen abandona cans que por sobrevir adáptanse ó monte acollidos polos lobos, para seren logo acusados como depredadores dun gando tamén abandonado, que cando se cruza na estrada e provoca un accidente endexamais lle aparece o seu dono... a non ser cando é pra reclamar o "ataque do lobo".

 

Mas notícias en la prensa sobre la manifestación, en Santa Uxía de Ribeira, contra la matanza de lobos en el Barbanza:

 

http://www.flickr.com/photos/matar_por_matar_non/6976599902/in/set-72157629556736348/lightbox/

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2012/04/29/medidas-evitar-trampas/0003_201204B29C19913.htm

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2012/04/29/ecologistas-acusan-xunta-callar-cifra-hibridos-muertos/0003_201204B29C19911.htm