Skip to main content

Neglixencias da administración

Posted in

29-08-2009 - Na imaxes deste artigo podemos ver o perigoso e altamente inflamable sistema que as constructoras de autovías, neste caso San José, co consentimento da administración e posible socia no “negocio”, utilizan para “minorar” o impacto paisaxístico dos enormes terrapléns e trincheiras que deixan ao longo destas vías.


Tamén podemos ver un monte, situado ao lado da vila de Casardomato e que foi utilizado por esta mesma constructora  como “canteira” de onde conseguir material de balde para facer un terraplén entre Santa Cruz de Arrabaldo e o Río Miño, sobre o que vai asentada a autovía a unha altura suficiente para atravesar por encima da antiga estrada nacional de Vigo a Ourense.


Denunciamos ese abuso no Seprona de O Carballiño e tamén supoñemos que debería existir un controle destas obras por parte das nosas “autoridades” que impedira tal tipo de excesos.


Podemos ver que o monte segue igual, que non se obrigou aos autores da desfeita a arranxar nin a desfeita medio ambiental nin tampouco o impacto visual das “escavacións” feitas nese lugar sen necesidade e, como foi dito, solo para conseguir material de balde. Tamén se pode ver como a erosión xa está deixando as súas marcas nas ladeiras deste monte por falta de vexetación.


Xa explicamos as razóns de que estas obras teñan o brutal impacto ambiental e visual que todos coñecemos, e que se debe  ao feito de que aforran cartos transportando terra de un lugar a outro en lugar de facer túneles, viaductos e pontes.


Tamén publicamos outro artigo amosando as serias deficiencias que esta mesma autovía (Ourense – Santiago) ten, desde a súa inauguración hai poucos meses, co beneplácito das administracións, que lles consentiron entregar as obras e cobrar cando, no enlace de Santa Cruz, deixaron un perigoso terraplén onde eles mesmos sinalizan o risco de derrubes. Un serio perigo para os usuarios que podería rematar en un grave accidente por desprendemento de pedras sobre algún vehículo.


Eso si, neste lugar así como na ponte, podemos gozar de luz artificial  abundante. Para que logo digan que se malgasta enerxía.


Neste reportaxe, tratamos de amosar como estas grandes constructoras, que determinan políticas económicas e prioridades de inversión no seu beneficio, amparadas nun poder moi por encima do que teñen os políticos que elas financian, son quen de burlar a tibia normativa de protección medio ambiental que as obriga a limitar os impactos ecolóxicos e paisaxísticos destas obras.


Era de esperar que, para cumprir con tal normativa, nestas ladeiras foran plantadas especies vexetais propias da nosa terra, para diminuír o tremendo impacto visual que deixan os terrapléns que, como foi dito, solo se fan por comodidade e beneficio das empresas constructoras.


Eso é o que debería ser feito, no en tanto, permíteselle que sementen unha estaña herba, de orixe descoñecido e que conta con características alleas á herba autóctona.


Para comezar, este tipo de gramínea brota en calquera época, de maneira que, logo de ser sementada, de seguida luce un verde que, aínda que non é espeso dabondo para cubrir as ladeiras, semella que logo irá tapar a desfeita visual desas terras núas.


Pouco tempo despois de xerminar, esta estraña herba de seguida seca e non volve brotar, nin tampouco permite que xermine a herba autóctona de Galicia.


O resultado é unha especie de “palla” seca, formada polos restos desta herba, que alcanza un considerable tamaño, e que deixa unha capa de material altamente inflamable aos lados da autovía, estendéndose hasta a vexetación natural do lugar.


Como se pode ver nas imaxes o risco de propagación de lume con este tipo de vexetación é enorme, así como o seu impacto visual xa que, os restos desta herba, están secos nesta época do ano, mentres o resto do monte amosa unha natural cor verde.


Preguntámonos onde están os servicios públicos que deberían fiscalizar este tipo de obras, os que deberían verificar a calidade da construcción, a súa seguridade e o seu acabamento correcto.
Tamén nos preguntamos se estes servicios non existen, se son cómplices das desfeitas “extra” que, ademais da propia autovía en si, deixan este tipo de construccións ou se son tan incompetentes que non ven o que aos demais nos doe na vista.


Xa está ben que aturemos ver como se desperdician cartos, que precisamos para necesidades mais importantes, en obras demagóxicas, contaminantes, que fomentan o  transporte individual e que destrúen o medio para que , encima, sintamos que o interese público é vulnerado incluso no incumprimento das escasas e brandas esixencias que existen para estes desatinos.

O timo da autovía:
http://matarpormatarnon.org/node/862

A inmoralidade das constructoras de autovías:
http://matarpormatarnon.org/node/535

Destrucción e cobiza:
http://matarpormatarnon.org/node/497