Skip to main content

AG-53. O timo da autovía.

Posted in

28-06-2009 - (Castellano) - Este é o sinal que hai  colocado na, recentemente estreada, autovía Ourense Santiago, no lugar onde se enlaza coa A-52 que vai a Madrid. Na verdade este sinal estivo colocado, tamén,  durante todo o tempo que duraron as obras no lugar.

(24-07-2009 - Aparecen mais problemas coa choiva).

Parece que alguén debería explicar as razóns polas que unha autovía, recen estreada, se pon en uso con ese tremendo defecto de construcción e co evidente perigo de que alguén sufra un grave accidente por desprendementos dese terraplén.


Alí ocasionaron a perigosísima ladeira que se ve na foto do lado, para poder facer os correspondentes enlaces entre a AG-53 (Ourense Santiago) e maila A-52.

Por lóxica, parece que ese tipo de sinais e de problemas deberían acontecer por causas extraordinarias, que houberan creado ese perigo, despois de que unha obra ben feita levara anos funcionando. Non que se constrúa tal tipo de defectos nas obras novas, esperando que “vaian a menos” eles solos.


Porque antecedentes teñen de sobra, non esquezamos que a A-6 aínda está cortada en Trabadelo por un desprendemento que, por aforrar cartos e seguindo a táctica de cobrar moito e gastar pouco, que xa denunciamos en outros artigos, aconteceu hai meses e aínda non ten prazo para ser arranxado.


O “aforro” por conta do arranxo vai saír ben mais caro que si se houbese construído adecuadamente desde un principio.


Xa ten habido advertencias dabondo de que calquera día pasa unha desgracia, por esa manía de facer moitas autovías de maneira barateira, onde solo se move terra e non se deixan túneles nin viaductos, nin pasos de fauna, solo para que as grandes empresas gañen mais cartos.


Xa estivo a piques de caer un tremendo penedo encima da autovía do Morrazo, porque deixaron terrapléns de case cen metros de altura. E hai centos de casos mais.


En fin, que para o medio ambiente, a paisaxe e a sobrevivencia da fauna, case sería mellor que fixeran menos autovías e que as fixeran como é debido. Claro que, tal cousa, sería velar polos intereses da maioría do pobo e parece que eso é moito pedir a quen representa os intereses do grande capital.


Pois a pesar de todos estes antecedentes e experiencias anteriores, seica non van aprender a facer as cousas algo mellor hasta que aconteza unha desgracia. Claro que, neste caso, como ninguén a inaugurou, supoño que, como sempre acontece, tampouco haberá responsables que vaian ao cárcere.


Por outra banda todo indica que tampouco fai falta ser enxeñeiro, de montes (ou ladeiras) para ver que, este monte, ten moitas posibilidades de ocasionar desprendementos, visto o tipo de materiais que o compoñen. Moitas pedras pequenas e soltas, e unha terra, feita por migallas desas pedras, que se esfarela por nada.

Teñen a proba na pista de acceso á propia “canteira,” que comeza na estrada vella que vai a Cortegada onde, o pequeno terraplén que alí existe, amosa varios desprendementos en menos de 20 metros.


Quedaron moitas mais “chapuzas” pero, para non estendernos moito, solo citaremos un par delas mais.


Cando se fan estas autovías esíxese, a lo menos no papel, que nos terrapléns e trincheiras sexa reducido o impacto visual, plantando vexetación nas súas ladeiras, de modo que non quede a rechamante cor da terra núa.


Pois ben, nestas imaxes, podemos ver o resultado do interese da constructora por cumprir con tal normativa. Sementaron unha estraña herba, e dicimos estraña porque desde logo non é herba da nosa terra, que ten a curiosa característica de brotar de seguida, e en calquera época do ano, deixando un tenue ton verdoso nesas ladeiras por un par de semanas, e logo, de seguida seca, non renova e deixa unha palla larga que, ademais de non deixar crecer a vexetación autóctona, multiplica o impacto visual  en contraste co verde natural dos nosos montes e, ademais, establece unha ampla faixa de eficaz combustible, idóneo para iniciar ou propagar calquera lume, desde a autovía, ata o resto do monte.

Nesta chapuza, igual que acontece coas outras, seica non hai ninguén na administración, autónoma ou estatal, que lles poña obxección algunha. Os controles de calidade seica non existen ou a cousa está tan falta de moral que xa lles consenten todo, sen disimular ou cubrir as aparencias.


E por último, aínda que non o último, o monte que desfixeron en Casardomato, para coller terra de recheo de balde, segue presentando a imaxe de unha mina de extracción de áridos a ceo aberto, o que de feito é, e onde, a pesar de que o denunciamos na Delegación de Medio Ambiente, o único que fixeron foi sementar un pouco desa curiosa “herba”. Aí está unha foto recente.


Dese lugar quitaron a terra para elevar a plataforma da autovía e atravesar por encima de Santa Cruz e desde aí, hasta a ponte que cruza o Río Miño. Todo para levar menos traballo e aforrar cartos non tendo que construír a autovía sobre columnas, o que houbera permitido a libre circulación dos veciños de Santa Cruz e tamén diminuído o impacto visual e ecolóxico desa obra.


A vista dos antecedentes que hai, no sentido de esixir responsabilidades ou obrigar a corrixir defectos de obra deste tipo, supoñermos que o monte de Casardomato terá “brotes verdes”cando a nosa xenerosa natureza teña os medios para corrixir a desfeita.

Canto ao perigo de desprendemento, supoñemos que será solucionado polo expeditivo método de substituír a actual sinalización provisional de perigo, por unha sinal definitiva e homologada.

Mais información:

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2009/06/30/0003_7818049.htm