Skip to main content

Carballiño e suas miserias - "perrera"

Actualización 03/07/08 - Boas novas e malas. As boas que o sr. Delegado mandou unha empresa para arranxar os viais da canceira, de maneira que se poida distribuir a comida cun vehículo e que non se sigan formando charcas.

A mala, a sra. Concelleira de M.Ambiente prometeunos o fontanero para arranxar definitivamente o asunto da auga pero levamos tres dias sen ela, tendo que repartila como antes, en caldeiros, porque parece ser que é mais urxente arranxar unha fonte que bota torto ou algunha farola que alumbra mal. Non nos parece lóxico...

Actualización 29/06/08 - Onte o traballo dos voluntarios de "Matar por matar, NON" deu os seus primeiros froitos: Xa hai auga en tódalas gaiolas.

En breve, publicaremos un relato das actuacións levadas a cabo para acadar este logro, así como o duro traballo que foi necesario. O resultado foi que, sen gastar nada, facendo unhs poucos arranxos, botando man de moita imaxinación, axuda de persoal do concello e aproveitando as instalacións que levaban un ano sen funcionar, temos, por fin, unha boa nova para estes animais.

Actualización 24/06/08 - Onte tivemos o prazer de recibir, nas instalacións da canceira, a visita do Sr. Delegado en Ourense da Consellería de Medio Ambiente. A ele poñemos por testemuña do que alí acontece. Agardamos providencias...

Actualización 10/06/08 : Mais de 1 mes despois de publicarmos este artigo, o Concello do Carballiño segue sen ter auga nen luz na canceira. Tampouco se preocupou de levar un xerador para ir resolvendo o problema da hixiene.

Este é o Informe que publica ADEGA sobre a canceira.

Artigo orixinal:  27-04-2008

Co obxecto de evitar mal entendidos e que acaben pagando xustos por pecadores, segundo costuma acontecer neste País, queremos dicir que, os feitos que se denuncian neste artigo, en absoluto consideramos que sexan responsabilidade nin dos traballadores, que carecen de medios (limpan as xaulas con unha escoba e un caldeiro de auga), nin tampouco dos membros do grupo Outeiro, que manteñen o mellor posible, dentro da falta de recursos con que contan, a canceira.

Todos recoñecemos a laboura destas persoas así como de Paco Valeiras, que sempre loitou polo ben estar de todos os animais, e da única e meritoria traballadora da canceira, a Sta. Gema. De feito, se os cans disfrutan de un sorprendente bo estado xeral de saúde, pese as miserables condicións do lugar, é gracias ós esforzos destas persoas .

O que denuciamos son as prioridades nos investimentos, tanto do Concello do Carballiño, que non repara en gastos propagandísticos, como dos outros Concellos que conforman a Mancomunidade responsable da canceira. Uns por non dotar de medios necesidades básicas como esta e os outros porque, incluso, algúns non pagan a súa pariticipación nos gastos.

O exemplo mais plástico do que acontece, está no feito de que se fixo unha faraónica estrada, de uns 300 metros, dende a pista da Medela hasta o "Punto Limpo" (lugar onde está tamén a canceira), que ten o dobro de ancho que a pista que leva hasta ese lugar, mentres, os traballaodres da canceira e o persoal de Outeiro, teñen que utilizar os seus vehículos privados para facer os servicios ou ir ós domingos e sen cobrar, aplicar menciñas ós animais.

 

A canceira do Carballiño (“perrera”) é un auténtico campo de concentración, inmundo, onde os alimentos dos cans están mesturados con os seus excrementos e onde a hixiene non existe.

- Pulse nas imaxes para ampliar.

O primeiro que chama a atención, cando chegamos, é o fedor inmundo que procede das instalacións. Instalacións que, aparentemente, foron “medio” reformadas recentemente e dispoñen de excelentes tellados, pero que están sen urbanizar, non hai electricidade nin auga corrente e onde se amorea entullo e restos dos mais diversos materiais que producen a sensación de abandono total.


Logo na entrada hai unha construcción antiga, de bloques e xanelas oxidadas, na que os traballadores teñen que mudar de roupa pero que non conta con o mínimo de medios nin hixiene.


A roupa dos traballadores é colgada nun cordel que atravesa o local compartindo espacio con unha arca frigorífica vella, totalmente oxidada e que non funciona, entre outras cousas, porque no local non hai enerxía eléctrica. Non hai armarios, baños, luz, nin lugar para os efectos persoais.


Tampouco hai lugar para gardar menciñas, ferramenta, comida nin outros artigos indispensables nunha instalación deste tipo. O “pienso” non se pode almacenar porque o comen os ratos.


O recinto enteiro carece de enerxía eléctrica porque non ten acometida de electricidade a pesar de que o tendido está ben preto.


As instalacións non teñen auga corrente e conta solo con un depósito que distribúe a auga almacenada ás instalacións , pero sen presión algunha o que non permite que as instalación e xaulas sexan limpadas con auga a presión e desinfectante.


A falta de limpeza das xaulas dos cans fai con que estean cheas de mexo e defecacións, entre as cales é tirada a comida, con o que temos serias dúbidas de que os animais se atrevan a comela.


Hai xaulas que non teñen patio para que os animais tomen o sol. Entramos en algunha e a mestura de mexo, feces, e humidade, combinado con a falta de ventilación, producen un cheiro insoportable que impide a permanencia dentro por mais de un par de minutos.


Nunha desas casetas hai unha cadela parida, por certo un animal entrañable e do mais cariñoso que vimos no lugar, que cría os seus fillos entre os excrementos e a humidade e con un trapo sucio como único “detalle” de conforto para as crías. Morrerán pronto, se teñen sorte. (imaxe da esquerda).


Para distribuír a comida, os traballadores teñen que deixar a furgoneta cargada na entrada do recinto e levar os cestos con a comida nunha carretilla, de xaula en xaula, porque o estado dos viais é intransitable con charcos, lodo e matagueiras que non permiten circular por eles para distribuír a comida con rapidez e comodidade.


Hai que dotar as instalación de enerxía eléctrica con urxencia.


Compre remediar con urxencia o sistema de limpeza e que esta sexa efectuada tódolos días, con auga a presión e desinfectante. Urxe unha persoa dedicada a esta tarefa en exclusiva.


Hai que construír instalacións para os traballadores, almacén de comida e menciñas, baños, unha sala de curas que sexa atendida por un veterinario a lo menos unha vez á semana. Hai que urbanizar os viais, para que se poida distribuír a comida con eficacia e rapidez.


É inadmisible que o Carballiño, onde se constrúen “rutas de arrieiros” por valor de moitas decenas de miles de euros, que pretende ser a “capital termal de Galicia”, que ten un Conselleiro de Medio Ambiente na Xunta, que ve circular polas súas rúas coches de moitísimo luxo, non sexa quen de manter os animais abandonados en condicións dignas.


Supoñemos que se debería programar unha serie de excursións para que, os persoeiros mais destacados do noso pobo e os seus gobernantes, vexan o lugar onde a grandeza e a xenerosidade de seus habitantes amosa a súa verdadeira cara. O que se agocha detrás dos escaparates, das palabras altisonantes e das obras demagóxicas. O lugar onde se esconde a verdade e as miserias, que se poderían remediar con poucos cartos, pero non hai o corazón e a caridade necesarias.


Claro que tampouco hai aparato de radiografía nas urxencias do centro de saúde. Será que son mais necesarios os “enlaces”, a iluminación dos “monumentos” e os paseos fluviais...


Esiximos que se tomen medidas inmediatas para que esta vergoña da nosa cidade remate o antes posible. Non hai tempo que perder, estamos a tratar con a vida e o sentimento de seres sensibles, que sofren e que tiveron un amo que vale moitísimo menos do que valen estes seres, nobres e leais, que houberan dado a súa vida por salvar ó desalmado que os deixou tirados.


Nestes asuntos é onde, de verdade, se ve a civilización, o progreso e a cultura dun pobo.