Skip to main content

¡QUE VEN O LOBO!

Posted in

LOBO IBÉRICO

08/07/2008 - Traemos de volta o artigo que publicabamos, hai meses, sobre o lobo e sua circunstancia en Galicia.

Ven ó conto porque a Conselleria de Medio Ambiente vai aprobar o "Plano de Xestión do lobo", ou sexa, en termos non politicamente correctos, matar lobos (é como o do "parque medio ambiental" e "punto limpo", que significan "vertedoiro de lixo" e "almacén de refugallos", respectivamente). Ademais vanlle encargar ese "traballo" ós cazadores, como se sabe, grandes ecoloxistas eles... 

Parece que a conservación da fauna en Galicia é unha demostración constante da falta de competencia e de ideas dos nosos políticos, para resolver o problema sen ter que rematar con os animais, a os que , por outro lado, somos nos os que lles invadimos o territorio con cultivos, estradas, autovías, AVES, etc.

Artigo orixinal:

Datos: Motivo para unha batida 1439 euros en danos.
Cantidade de gando afectado: menos do 1% anual,segundo todos os estudios.

Sae un paisano, ou paisana, na TV e deixan que fale sobre o lobo as barbaridades que ben entenda. Se, por acaso, viu, escoitou ou lle dixeron...(que de eso por aquí hai moito), que hai un lobo por cerca, xa lle parece que á televisión ten que lle dicir que hai unha manada, e que mata moitas ovellas, e que o outro día case a come a ela e que teñen medo de saír da casa ou deixar os nenos ir o colexio e, finalmente, despois de dicir que foron os de Medio Ambiente quen os botou no monte, que teñen que facer unha batida con urxencia. Toda unha exhibición de bo senso e de cultura que vemos día si e outro tamén nos medios.

Ese é sempre o punto de vista que goza de tempo para dicir o que queira na nosa TV. A os ecoloxistas e técnicos, ou científicos, que pretenden dar un punto de vista razoado e imparcial, logo os cortan. Programas que informen e defendan a riqueza da nosa fauna, inexistentes. Na verdade case fan ben, pouco se lle pode explicar a quen non quere escoitar ou entender.

O mesmo acontece se ven un único xabarín ou raposo, e non digamos nada se lles escarva un pouco en algún lameiro. Xa hai que rematar con todos e matalos porque van facer que, eles mesmos, morran de fame (logo, cando de verdade morren, descóbrese que teñen ducias de millóns a prazo fixo). Xente ignorante e avara, moita dela ,que, hoxe en día e na maioría dos casos, xa non viven da terra, pero que tampouco deixan que o resto das especies a ocupen, nin aceptan que debemos repartir o entorno con eses compañeiros que, xunto con nós, habitan o planeta.

A este tipo de paisano, que aínda pensa que progreso é asfaltar ou botar cemento en todo canto é pista, corredoira ou espacio público para que non naza herba, parécelle, en cambio, unha marabilla calquera desfeita contra o medio, sexa autopista, ave, etc.,non porque sexa consciente ou valore os beneficios ou prexuízos desas obras senón porque, así, venden aquelas terras que teñen no medio do monte, que hai anos non van a elas e que os fillos non queren saber onde están, terras que, segundo eles, “non valen nada”. A ese mesmo prezo habería que pagarllas.

Secuelas da época da fame en que todos os animais eran rivais do labrego na procura de comida. Mentres, en lugar de instruír a ese pobo e administrar esa riqueza natural única, faise demagoxia autorizando unhas cantas batidas, dáselle pracer a o lobby dos cazadores e acabamos mostrando a o mundo o atrasadiño que estamos neste país, con grandes pretensións de oitava potencia económica pero con cultura moi escasa

Que outra cousa se pode dicir de unha sociedade que é capaz de gastar cartos a camións cheos, para destrozar o medio ambiente no que o lobo vive, de parcelar o seu territorio con “infraestructuras” que carecen de pasos adecuados para a fauna, infraestructuras que no resto de Europa xa saben que hai que parar con elas, e que van acosando a este ser emblemático que se ve sen lugar onde vivir e criar a súa prole. Un país que é o maior contaminante do noso entorno, que segue a aumentar as emisións, pero continúa a facer estradas e a fomentar o uso do coche aínda que sexa o mais atrasado de Europa en nivel de asistencia social. Eso si, sobran fondos para sobresoldos de altos cargos e para construír unha “Cidade da Cultura” que xa vai por enriba do 500 millóns de euros. Esa é a nosa cultura.

Como resultado, neste mesmo país, onde se gasta esa orxía de cartos destruíndo a natureza, non hai o nivel de sensibilidade e cultura suficiente para dedicar unha mísera parte deses cartos a pagar e indemnizar, con rapidez, eficacia e xenerosidade, as catro cadelas que poden valer as poucas (que son moi poucas na verdade) ovellas que o lobo pode matar en un ano. Unha cantidade de recursos insignificante, que faga con que o lobo sexa ben aceptado por eses paisanos que solo respectan a natureza se ven posibilidade de lucro e para os que, calquera outra especie que reclame o seu dereito a un lugar no mundo, son simplemente “alimañas”.

Poucos cartos con os que se tería contento a un colectivo do rural, cada día menos numeroso, que debe convivir con o lobo e que, a cotío, se da por satisfeito con un “punto de luz” que lle poñan diante da casa. Así de barato sería conservar o lobo. Fomentalo xa sería o caso de subvencionar unha gandería dedicada a vivir ceibe e que sería unha presa disuasoria para o lobo que, desa maneira, non atacaría o gando doméstico. Ben barato tamén. O problema e que, os que deberían estar pensando e resolvendo eses asuntos, deben andar moi ocupados con cousas mais “importantes”.

Ese é, pensamos, o verdadeiro problema, e a solución, para o Lobo na nosa terra.