Skip to main content

MATANDO O LITORAL GALEGO

Posted in

Galicia NON se VendeManifesto da convocatoria en contra do Plano Acuícola que pretende destruir o litoral galego:

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN CORRUBEDO
4 DE NOVEMBRO, ÁS 12:00 DA MAÑÁ, NO PORTO DE CORRUBEDO

Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da Xunta.

Consideramos que este plano sectorial constitúe unha traizón ao povo galego por parte dos seus gobernantes, pois pretende enaxenar o mellor do noso litoral para alimentar os insaciábeis bandullos das transnacionais do peixe. Esta ocupación masiva da beiramar de máis de 3 millóns de metros cadrados é unha sentenza de morte contra as nosas praias e cantís, unha violación das nosas máis sobranceiras paisaxes, unha insustentábel hipoteca para os recursos ambientais e económicos autóctonos, e unha legalización encuberta da contaminación salvaxe do mar. Peixes planos nas piscinas… e encefalogramas planos nos despachos.

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido ambiental. Millóns de metros cadrados de litoral liberado poden ficar para sempre soterrados baixo o formigón transnacional. As macrofábricas de peixe agreden directamente unha chea de espazos naturais, moitas veces integrantes –ou lindantes– cunha Rede Natura 2000 da que depende a sustentabilidade dos nosos recursos. Resulta tendencioso pretender que instalacións industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de depuración non vaian impactar sobre o ecosistema mariño e terrestre por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido.

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido social. A Xunta pretende agasallar ás empresas con aquilo que as galegas e os galegos sempre conservamos. Velaí o noso castigo. Queren, ao cabo, facer unha expropiación salvaxe do litoral. O Plano ataca de cheo ás áreas costeiras que sempre estiveron liberadas das agresións industriais e urbanísticas. Son o pouco que nos queda, e non estamos dispostos a que caian nas mans de empresas depredadoras. O Plano foi consensuado coas empresas desprezando a opinión do pobo, no que en último caso reside a soberanía do país. Sen nós, non hai Plano.

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto no eido económico. A acuicultura en terra só representa o 1,8% da actividade do sector en Galiza. Falar do carácter estratéxico do plano sectorial é enganar ao pobo, pois só resposta ás necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo –e mesmo poñendo en perigo– a achega, esta si estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo marisqueiro, que ocupan a máis de 10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra. Expropiar ao pobo para beneficiar a empresas que en moitas ocasión nin sequera están no tecido económico do país é unha actitude colonialista. Estas macroplantas van esnaquizar a costa, non van xerar nin de lonxe o emprego que din e van recibir case 400 millóns de euros de subvencións públicas, que deberían ser investidos na valorización dos nosos recursos naturais e na creación de actividades produtivas sustentábeis ao redor dos nosos espazos protexidos.

Por iso, porque ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS, chamamos ás galegas e aos galegos a berrar connosco no Porto de Corrubedo, o 4 de novembro de 2007 ás 12:00 da mañá, contra esta aberración ambiental, social e económica á que nos quere condear a Xunta.

CONVOCAN: Adega, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Oia, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª, Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos/as de Galiz