Skip to main content

A CAZA IRRACIONAL

Posted in

En unha publicación da Consellería de Medio Ambiente, a todo luxo, está a lista de especies que se poden cazar, tanto aves como mamíferos, así como unha sínteses da propia orden de vedas.


Calquera, que saia algo ó monte, pode dar fe da extrema escasez da maioría dos animais que aparecen na lista de posibles víctimas. Tal feito, aparte de mostrar a total falla de criterio e racionalidade que prevalece nesta actividade, ven a nos convencer, unha vez mais, de que é unha actividade totalmente depredatoria e que, xunto con outros factores (autovías, AVE, urbanismo, etc.) está a constituír, non só en un enorme perigo para os frecuentadores pacíficos do monte, como tamén  a principal causa da desaparición das especies silvestres da nosa fauna.

Recomendamos ler as consideracións que se publican ó final deste artigo sobre a orden de vedas, no entanto, todos sabemos que a perdiz, e salvo as que "sementan" para dispararlles impunemente, hoxe case desapareceron do monte galego por causa do abandono dos cultivos que lles servían de alimento. A última bandada que recordo en Punxín non durou nin unha tempada, foron eliminadas antes de que medraran e agora hai mais de dous anos que non se ve ningunha.
Pombos tamén houbo algún día, hoxe se algún se pode ver é de un en un ou como moito tres ou catro, o que é rarísimo. Si se fala con persoas de mais idade recordarán cando unha bandada de pombos se posaba en unha carballa e as polas chegaban a dobrarse con o peso das ducias de animais que a compuñan.


Agachas, Faisans (algúns mansos que soltan a véspera de que comece  a caza e hai que matalos antes de que morran de fame), Arceas, Patos, etc. ¿quén pode dicir que viu algún ultimamente? case podemos afirmar que os únicos animais, entre as aves, que se ven en número racional son os corvos e os estorniños e eso porque ninguén lles tira, excepto cando xa están frustrados ó fin dun día sen cazar nada e matan incluso ós piscos. Nin Pegas hai, e as poucas que quedan sálvanse porque van vivir nas cidades escapando dos tiros.


Dos mamíferos nin falar. ¿Cánto tempo hai que non se ve unha lebre, a lo menos nos montes da comarca do Carballiño?. Tamén poñen como cazables os cervos e os corzos (algún corzo hai recentemente solto polos propios tecores, pero son mansos) pero cabra, gamo, muflón,! hasta parece que estamos nunha reserva de caza!. Son animais que se poden cazar en cotos privados onde se crían con ese fin, pero ¿silvestres.. en Galicia?. E, incluír ó lobo entre as pezas de caza é de un "paletismo" asustador. Lobos, se queda algún hai que coidalos ou levalos para onde foron extinguidos, non matalos , a lo menos en un país que se di europeo.


Esto o que nos ensina é que os que dirixen os Tecores, e os cazadores en xeral, salvo unha que outra excepción, pouco saben do monte e pouco van a ele para se preocupar do seu estado e dos animais que nel viven, fora da tempada de caza. Aínda que se tildan de "mais ecoloxistas que ninguén", non o son, eu este verán non me atopei con ningún coidando do monte. Pasan o verán na praia e sómente aparecen se hai cazata e para matar o que se lles poña por diante. A maioría son da cidade e nada saben do rural, como o proba o feito de que van o monte en todoterreo, déixano cheo de cartuchos, puntas de cigarro, bolsas de bocadillos, etc. O caso é pasear o traxe de "guerrilleiro" , a escopeta cara e o todoterreo de marca.


Houbo unha época en que o cazador roubaba un tempiño ó traballo duro de todos os días para saír ó monte un par de horas, tiña que encher os cartuchos e reutilizálos, poucos días podía dedicarse a ir de caza porque había moito traballo que facer, os animais tiñan comida e poucos depredadores, ninguén os envelenaba e mataba con herbicidas, insecticidas, atropelos, destrucción do hábitat, etc. os señoritos da cidade tampouco tiñan tantos "todoterreos", nin estradas por onde subir ata o último recuncho do monte como hai agora, os animais podían reproducirse en paz porque non tiñan "pistas asfaltadas" por todos os lados nin ían os "quads" nin as motos facer ruído polo monte e roubarlles o sosego.


Hoxe ninguén da comida para que os animais se alimenten e reproduzan, todos pensan solo en matar algo o día de caza, hai centos de "escopeteiros" en cada hectárea de monte, pistas e carreteiras por todos os lados, incendios, autoestradas que ou os matan atropelados ou lles impiden circular porque están valadas con tea de arame, non quedan lugares tranquilos para criar ós fillos, morren envelenados con a herba ou con os insectos que comen, a cada día hai mais "afeccionados" que deixan uns bos cartos á administración, federacións, tendas especializadas, e aínda que sexan malos cazadores non lle deixan sosego, a os infelices dos animais que viven no monte, nin durante a época de cría porque están, ademais, os que frecuentan o monte pero, en lugar de escoitar ó monte, van facer ruído, competicións de MotoCross ou excursións de "quads".


Ou paramos con esto de remate ou acábase. Tan mal está a cousa que para lle dar "gusto ó dedo" estes "amantes da natureza" organizan "campionatos" o ano enteiro con animais mansos que "fusilan" o mesmo día da solta. O monte é un ecosistema en grave perigo e, se non o remediamos, antes de que asfalten a última carballeira xa non quedará animal algún fora os das granxas. Compre controlar moi de perto quen vai a ele, o que vai facer,  limitar rigurosamente o acceso e, para dar tiros, o tiro ó prato. Recollendo os cartuchos e o chumbo depois, claro.

 

 

AdjuntoTamaño
comentarios á orden de vedas.doc42 KB