Skip to main content

Punxín renuncia ao parque industrial e aposta pola calidade de vida.

Posted in

25-10-2010 - Nun xesto inédito e meritorio, en resposta aos escritos que entregamos no Concello de Punxín no día 11 de xuño as asociacións ecoloxistas ADEGA, Amigos da Terra e Matar por matar NON, comunícanos que renunciaron a incluír no PXOM, que se está a elaborar, o parque industrial que se proxectara para a Parroquia de San Estevo de Vilamoure e Lamas.

Co escrito que presentamos tamén se encamiñaba unha serie de alegacións sobre a improcedencia dese parque, así como unha relación dos numerosos prexuízos que o mesmo causaría na zona.

Consideramos unha decisión valente e acertada o feito de ter suspendido tal proxecto e ter levado en conta as nosas alegacións xa que, desta maneira, o Concello de Punxín pode mellor aproveitar as súas sorprendentes paisaxes e riquezas naturais para promoverse como lugar de residencia, con altísima calidade de vida, e onde poder vivir lonxe do barullo e da contaminación das cidades grandes.

Non debemos esquecer que, entre as excelentes ofertas con que conta este Concello, atopase a zona termal de O Bañiño, actualmente en obras de adecuación e construcción de piscinas.

Ademais Punxín situase nun pintoresco vale, formado polo Río Barbantiño, a menos de 15 quilómetros de Ourense e que ten excelentes vistas desde calquera das aldeas que se sitúan nas súas ladeiras.

Tamén debemos ter en conta que o compromiso acadado polo sr. Alcalde de Punxín constitúe unha garantía para aquelas persoas que desexen adquirir fincas ou casas neste Concello, unha vez que terán a garantía de que, o sosego e a calidade de vida que procuran cando inverten nese Concello, non se vai perder, como tampouco o valor das súas propiedades, porque un día calquera puideran colocar algún tipo de actividade contaminante ou barullenta nas proximidades.

Quen alí decida ir a vivir a partir desta data, gozará da seguridade de que Punxín será unha entidade con vocación rural, onde non se vai mesturar o rural co industrial nin coa especulación, de maneira que será unha garantía para quen procure a paz, o sosego e a calidade de vida dun pequeno concello, ou de algunha das pequenas aldeas que o compoñen, de que esa tranquilidade non se vai perder.

En Punxín non faltan casas antigas a bo prezo, situadas tanto no núcleo do Concello como nas aldeas que dan para o Vale, que poden ser restauradas e de feito moitas xa o están sendo, para poder vivir a menos de dez minutos de Ourense, nun entorno de paz e tranquilidade imposible de atopar nas cidades grandes.

En poucas verbas, un lugar onde poder vivir coa calidade de vida do rural sen renunciar a ter a man e en menos de dez minutos, os servicios de unha cidade grande como Ourense.

Non dubidamos de que esta decisión vai colocar a este pintoresco Concello, e as súas privilexiadas paisaxes, nunha situación preferente como lugar de destino para residencia fixa, ou segunda residencia, en clara vantaxe fronte a outros concellos onde se están a proxectar industrias contaminantes e barullentas, así como parques industrias que restan valor as propiedades próximas e desencoraxan a posibles compradores ou a persoas que procuran pequenas vilas para residir.

Esperamos que este feito sexa solo un exemplo a seguir e o inicio do que constitúe o mellor futuro para os Concellos do rural.

Deixar as industrias e os parques industriais para as cidades con esa vocación e non estragar o rural coas poucas industrias que, aínda que sobran espacios baleiros nos parques xa existentes, sempre procuran concellos pequenos e pouco informados para instalar actividades contaminantes ou molestas que non lles permiten nas cidades grandes.

Noraboa ao Concello de Punxín e ao seu alcalde por ter feito unha visión de futuro e de progreso sostible para este privilexiado lugar e para os seus habitantes actuais e futuros. Un luxo para os poucos afortunados que o saiban apreciar.