Skip to main content

Os xabarís de Padrón

Posted in

09-09-2010 - O martes dia 7, con motivo da publicación, en “La Voz de Galicia” , da resolución da Consellería de Medio Rural que pretende autorizar as batidas de xabarís durante 10 meses ao ano e que tratamos no artigo anterior, tamén aparece a foto que reproducimos ao lado (pinche nela para aumentála) – firmada por MERCE ARES e na que reza o seguinte pé de foto : “Daños producidos ayer por jabalíes en el entorno de Padrón” –  a cal nos chamou a atención por diversos motivos que pasamos a explicar.

Posiblemente o número de casos que temos observado de cazadores que se fan fotos ao lado da súa plantación de millo, onde aparecen unhas cantas plantas tiradas sen que se sabia se as tiraron eles ou os xabarís, sexan a causa da nosa suspicacia cando miramos con ollo crítico este tipo de imaxes que “demostran” os danos producidos polo animal.


Tampouco dubidamos de que esta imaxe responda a una realidade e, como dixemos, as nosas suspicacias estean determinadas por anteriores experiencias, de maneira que admitimos que poidamos estar enganados nas consideracións que vamos expor e que todas poidan ser nada mais que unha morea de casualidades xuntas. Pero a nosa opinión é a seguinte:


Os xabarís, cando se meten nunha plantación de millo, acostuman a camiñar por ela de maneira anárquica, comendo aquí e alí, tirando moitas plantas de millo e comendo as espigas de outras.
Pola contra, o que se ve nesta foto, é unha pequena esquina de unha plantación de  millo onde TODAS as plantas, desa pequena esquina, están tiradas. Non hai ningunha de pé, mesmo semella que foron tiradas adrede. Tratouse pois de uns xabarís moi metódicos (tiraron tódalas plantas) e moi coidadosos (solo tiraron as desa esquina).


Tampouco nos explicamos as razóns polas cales os animais non atacaron, comeron ou circularon polo resto da plantación que se atopa detrás do cidadán que aparece na foto.


As pallas de millo que se atopan tiradas parecen estar moito mais secas do que as pallas do millo que se atopan de pé. Todo indica que se os “Daños” foron producidos “ayer”, as pallas que se atopan tiradas deberían estar tan verdes como as que están de pé, pois aínda non tiveron tempo de secar.


Tampouco nos explicamos que as pallas de millo que se atopan tiradas, estean todas xuntas e arrancadas da terra. Normalmente os xabarís tiran coas plantas para comer as espigas e non acostuman arrancalas da terra e moito menos xuntalas todas no mesmo lugar.

Finalmente podemos ver que, debaixo da morea de pallas de millo secas que se atopan no lado esquerdo da foto, existen buratos feitos, supostamente, polos animais ( o que lle chamamos “fozadas”), de maneira que, o que non nos explicamos, é como aconteceu a secuencia dos feitos, se os xabarís primeiro fozaron e despois levaron para alí as pallas de millo desde outros lugares, ou se fozaron despois de amorear as pallas de millo no lugar.


En fin, uns xabarís moi raros eses que andan por Padrón.