Skip to main content

MORTES NAS ESTRADAS

Posted in

A saída de semana santa, e só no primeiro día, deixou un raposo, dúas xinetas e un gato atropelados á altura da Cañiza. Habería que estudiar o total de víctimas que a "operación saída" deixou entre a fauna por culpa da falta de pasos adecuados. Seica son mais de 30 millóns ó ano nas estradas españolas.

É incrible que a diario saia na TV e outros medios a, no caso de Galicia, responsable de política territorial, anunciando novas "infraestructuras", que destrúen o noso monte e esquilman a nosa fauna, sen que ninguén faga a mínima referencia á maneira trapalleira e irracional en que se invade o medio natural, sen por os medios mínimos para paliar tanta morte innecesaria.

Alguns medios aínda titulan esas novas como animais que "causan accidentes", ademais de víctimas tamén son culpables. Sinais dos tempos.

Non é posible que, depois de gastar esa millonada en obras que matan persoas e animais, que contribúen á emisión de gases, cando o mundo enteiro está pola reducción, que arrasan quilómetros de monte case virxe, non dediquen algúns euros a facer algún paso de fauna, a lo menos nos lugares mais necesarios, e así evitar esa cantidade enorme de "danos colaterais" entre os animais.

Ai están as obras da autovía de Ourense a Santiago entre O Viñao e Santa Cruz. Non hai un único paso para a fauna, a pesar do brutal impacto da obra no hábitat e onde, ademais, se está a construír unha barreira entre os animais que viven na ladeira de Amoeiro e o río Barbantiño. É fácil apreciar ese impacto no medio cando se compara o lugar agora e como estaba antes das obras.

A fauna segue querendo ir ós ríos a beber, precisa se desprazar para buscar parella e se reproducir, teñen que procurar alimento. Pois ben, ademais de lle destruír o seu medio natural de vida e o lugar onde procuran o seu alimento, aínda lles colocan barreiras de arame que impiden o paso en procura de outros territorios, de alimento, de auga e de consorte para se reproducir.O que as traspasa morre atropelado.

Por outra banda e , cando se trata de protexer, nunca hai recursos, falta vixilancia contra os abusos da caza - non sexa que se vexa prexudicado o negocio- e as leis nese sentido non se fan cumprir. Cegueira total, desidia, despreocupación, falta de interese por preservar e aplicar as normas e incumprimento sistemático das "leis" que se fixeron, ó que parece, solo para dicir que están aí.

Cada vez queda mais patente o desprezo que ten sistema pola vida natural. Os responsables políticos, que nos "venden" esa desfeita como progreso e "dinamización", solo lle fan o traballo sucio ás empresas que van gañar moitos cartos con esas obras que, ademais, van facilitar que esas mesmas empresas vendan mellor os chalés que farán no litoral, movan mellor a súa mercancía e faciliten beneficios a outras que tamén lucran con a destrucción e a contaminación. O caso é crecemento económico" e aumento de beneficios a costa do que sexa.

Obras mal proxectadas e mal executadas. Proxectadas por xentes de fora da nosa terra e que velan por intereses alleos ós nosos. Feitas por empresas de fora e por traballadores de fora.

Non programan solucións para o paso de animais. Hai ladeiras onde se cortan montañas enteiras cando parece mais doado facer un túnel. Enchen vales de terra cando se podería construír unha ponte. Solucións de moito menor impacto paisaxístico e medio ambiental.

Vexa a diferencia:

 

 

 

 

 

 

Durante as obras enchen os ríos de lama que mata toda a fauna, tiran os aceites das máquinas nos seus canle, cerran camiños, secan fontes, son os amos, fan o que queren. Dálles igual, viñeron gañar cartos e non é a súa terra.

Ninguén nos vai convencer de que, de repente, unha profesora ou calquera outro cidadán nomeado de repente para un cargo político, acade tanto poder como para levar a cabo tal desfeita e decidir sobre tantos recursos ante a oposición dos afectados e dos que pagamos por ela, sexa en Redondela, Mos, Puxeiros ou onde sexa. Mais ben semella que a súa función é ler o "recado" que lle mandan, tal como faría calquera outro. O texto pono alguén que está moito mais arriba. Quen ten a función de ler, aínda que solo sexa por ter nacido nesta terra, pensamos que ben lle gustaría tamén evitar ese tipo de barbaridades.

A pregunta que resta facer a tanto desatino, sería para que nos digan cando pensan parar. Se pensan asfaltar o país enteiro, construír a costa toda, encher de muíños todos os montes e rematar de vez con todos os animais. Porque a humanidade vai continuar a crecer e, por ese camiño, é o destino que nos queda.

21/03/08 - Mais destrución para especular co litoral.