Skip to main content

Maside - peor o remedio que a enfermidade.

Posted in

04/11/2010 - Sorprendidos coas mans na masa na nada edificante tarefa de enganar aos seus veciños, a corporación de Maside co seu alcalde ao fronte, decide facer da necesidade virtude e agora, nunha reacción que poderíamos cualificar de patética, sacan á luz pública a planta de “LODOS FECAIS”, intentando vendela como o último grande proxecto para Maside.

Se, como din agora, a cousa fora tan boa, non o terían feito pola calada e sen dicir nada aos veciños. Se a cousa fora tan boa, non houberan esperado desde xuño, que foi cando aprobaron a desfeita, ata novembro que é cando o sacan na prensa despois de que foron pillados “in fraganti”. Se a cousa fora tan boa, non diría na acta do pleno que “A entidade xestora será a responsable de calquera tipo de contaminación e dos vertidos”. Se a cousa fora tan boa, non diría na acta do pleno que “... o tratamento dos residuos en época de estío, será a primeiras horas da mañá, para evitar así os malos olores”. Se a cousa fora tan boa, non nos terían negado o acceso á acta do pleno e á documentación sobre o proxecto.


Non sabemos quen será o responsable no caso de “contaminación e de vertidos”, o que si sabemos é quen vai comer a merda que de alí saia e que non van ser outros que os veciños de Maside, aos que lles van colocar unha planta de tratamento dos lodos fecais de toda a comarca, sen lles dar nada a cambio e sen lles consultar, nunha trapallada feita en secreto, contraria aos seus intereses, a unha distancia ilegal das casas e en prexuízo dos seus intereses e da súa saúde.

Tampouco sabemos si remexer nas feces, que van verter alí, durante a madrugada vai resolver o problema dos malos cheiros, pero o que si sabemos é que, quen vai soportalos tamén van ser os veciños.

Claro que, no proxecto e polo que di o BOP, tamén vai unha planta de tratamento de augas, pero o problema para os veciños, moito mais alá das “augas residuais”, son os “lodos fecais” da comarca que alí tamén van ser tratados según di o BOP  e, con 70.000 Euros de inversión, pouca tecnoloxía pode haber para tanta cousa e tan ben feita como eles pretenden “vender” agora.

Señores da corporación, parece mentira que teñan unha idea tan negativa sobre a intelixencia dos seus veciños, como eles din “somos labregos pero non somos borregos”, se a cousa fora boa estaríana vendendo na prensa e en grandes letreiros, como fan sempre, meses antes de aprobalo en pleno, as escondidas e polo sistema de "urxencia", e non terían esperado a que alguén destapara a trapallada que están cocendo.

E as suas decisións secretas non teñen solo consecuencias éticas, tamén van arruinar a vida e propiedades dos veciños de O Mato, O Barazal, Listanco, O Río Listanco, O Barbantiño, O Viñao, Punxín, Barbantes e o propio Río Miño, onde rematarán os verquidos do seu "negocio".

Ao sr. Alcalde de Maside agora seica tamén lle toca desmentir, de novo e igual que fixo hai dous anos, os 800.000 m2 de parque industrial que teñen proxectado para acabar de fundir Maside. 600.000 m2. en Corzos e 200.000 m2. nas Barandillas. Como non queremos seguir rebatendo as diversas declaracións que, día si e outro tampouco, este alcalde fai ao respecto, aí quedan as declaracións que fixo hai dous anos, as que fixo hai un mes e o que di agora. Quen queira que o crea, engánase quen quere.

Solo dicirlle que, de acordo coa lei de ordenación urbanística, os parques industriais poden ser feitos por “convenio” ou por “expropiación”, así que non confunda conque non ten esa superficie propiedade do concello. Que nos tamén sabemos ler e informar aos veciños que nos procuran e que queiran saber, sobre este asunto ou sobre outros.

Xa que o concello non o fai e a documentación, que debería ser pública, está agochada...

Recomendámoslles que aprendan dos Finlandeses.

 

As"diversas" versións, do Sr. alcalde de Maside, sobre os parques industriais:

http://www.laregion.es/noticia/134768/moderna/planta/tratara/aguas/residuales/maside/
O que di agora - 04/11/2010.

http://www.laregion.es/noticia/130205/maside/reserva/grandes/areas/industriales/
O que dicía en 18/08/2010.

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2008/09/02/0003_7105500.htm
O que dicía en 02/09/2008.

 

Relacionadas:

http://www.matarpormatarnon.org/node/1106
http://www.matarpormatarnon.org/node/1104
http://www.ourensedixital.com/_novas/10/10/18_04.htm
http://www.ourensedixital.com/_novas/10/10/13_02.htm
http://www.ourensedixital.com/_opinion/_gringoviejo/2010/101013.htm
http://www.laregion.es/noticia/133301/ecologistas/alertan/planta/lodos/m...