Colectivos ecoloxistas e animalistas rexeitan a nova norma que modifica a protección animal de Galicia

COMUNICADO DE PRENSA     Santiago de Compostela, a 30 de xullo de 2010

Colectivos ecoloxistas e animalistas rexeitan a nova norma que modifica a protección animal de Galicia.

Na elaboración da norma non se tivo en conta o dereito de participación pública dos axentes implicados na protección dos animais.

Recentemente publicouse o Decreto  polo que se modifican diversas normas xurídicas que regulan a agricultura, a formación agraria e a conservación da natureza. As modificacións sobre esta última, supoñen cambios no Decreto de protección animal do ano 98, uns cambios que non contribúen a avanzar no eido da protección animal en Galicia.

A oposición ecoloxista e animalista parte da premisa de que o goberno galego non tivo en conta o dereito de participación pública dos axentes implicados na protección dos animais para modificar a norma, tal e como recoñece a Lei Aarhus. Faltando a esta convocatoria sobre a elaboración do novo Decreto, a Administración galega está eludindo os dereitos que lle son recoñecidos por lei aos cidadáns.

Doutra parte, critícase a demora da Consellería na elaboración dunha norma galega de protección animal que ambicione máis do texto actual que está completamente obsoleto, tendo en conta a demanda social de aumentar o nivel de protección aos animais.

Fai dous anos, 25 colectivos, entre os que se atopaban ecoloxistas, animalistas e protectoras de animais de toda Galicia, solicitaron á Consellería de Medio Ambiente o mesmo proceso: crear canles de participación dos axentes implicados na protección dos animais para a elaboración dunha nova lei que derrogara o texto de 1993, actualmente en vigor. Nesta solicitude facíase fincapé na necesidade de ampliar a defensa dos animais, endurecendo as sancións por maltrato, abandono e morte, e rexeitando a cobertura legal dos espectáculos taurinos que contradín o mesmo espírito da Lei no que se fala de “sociedades avanzadas que non toleran o maltrato animal”.

Deste xeito, os colectivos esixen á Consellería do Medio Rural que derrogue o texto publicado e comece de novo un traballo serio e rigoroso pola protección animal, dando cumprimento ás normas que fagan posible a participación dos grupos na elaboración dunha lei de protección dos animais máis esixente e acorde coa demanda social e non uns artigos de mínimos que “reflicten a baixa moralidade da administración de cara á defensa e ao trato dos animais en Galicia”.

Ademais, non descartan presentar unha queixa ao Valedor do Pobo e ao Comité de Aarhus europeo pola vulneración do dereito á participación.

Os colectivos asinantes son a Sociedade Galega de Educación Ambiental, Libera, Matar por Matar, Non!, a Federación Ecoloxista Galega, integrada polos seguintes grupos: ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, Guerrilleiros das Fragas, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño de Azor, Oureol, Vaipolorío, Verbo Xido, Verdegaia e XEVALE, e Amigos da Terra.

Máis información:

Montse Valencia – Asesoría xurídica Amigos da Terra – 988.37.43.18

Enviar un comentario novo

O contido deste campo é privado e non se amosará publicamente.
  • As direccións das páxinas web e as direccións de correo se convirten en enlaces automaticamente.
  • Etiquetas HTML permitidas: <a> <em> <strong> <cite> <code> <ul> <ol> <li> <dl> <dt> <dd>
  • Os saltos de liña e párrafo créanse automaticamente.

Máis información acerca das opcións de formato

CAPTCHA
Copie as letras no recuadro, sen espacios, antes de de enviar
Image CAPTCHA
Enter the characters shown in the image without spaces.